Saturday 18 de May de 2024

Constitúese o Comité Integrado de Prevención de iIncendios de Galicia (CIPIG) para a campaña 2016


O Comité está presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez

Esta mañá constituíuse o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para a campaña deste ano 2016 que estará operativa dende o 1 de xullo ata o vindeiro 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais.

Este Comité está presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e no que tamén participa a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. A finalidade do Comité é coordinar as actuacións da Xunta e o Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na reunión do CIPIG tamén participaron o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, así como o director xeral de Protección Civil e Emerxencias, Juan Antonio Díaz; o director xeral de Política de Defensa, o almirante Juan Francisco Martínez; e o subdirector xeral adxunto da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal, Guillermo Fernández Centeno.

Tamén asistiron o xefe en funcións da XV Zona da Garda Civil, o coronel Miguel Estévez; o tenente coronel xefe do V Batallón de Intervención de Emerxencias da UME, Juan Carlos Trujillo; e o comisario provincial da Coruña, José Luis Balseiro. En representación do Goberno galego, ademais dos dous conselleiros, tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor; o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto; e o comisario xefe da Policía Autonómica, Silverio Blanco.

Pladiga 2016
O Pladiga 2016 mantén nos seus aspectos esenciais o dispositivo de loita contra o lume en relación con anos anteriores. O seu principal obxectivo é reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na nosa comunidade, dentro dos recursos dispoñibles.

As principais novidades deste plan para o 2016 teñen que ver coa ampliación a 3 anos da duración do convenio entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes e pola creación e regulación da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais. Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións relacionadas co medio rural e o medio forestal e a súa implicación na defensa contra os incendios.

No Pladiga 2016 mantense o operativo humano de prevención e extinción, composto por uns 5.700 efectivos da Xunta na tempada de alto risco de lumes, reforzados por persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un dispositivo de máis de 7.000 efectivos. Ademais, contarase con arredor dunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado– e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

A colaboración con outras administracións mantense tamén e plásmase en diversos convenios de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coas deputacións provinciais para a implantación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES); co Ministerio de Defensa, para labores de vixilancia e prevención e cos concellos, para traballos de prevención e defensa.